A casa é a familia son argumentos que cambiaron moito co paso do tempo. Para falar destes feitos, viaxando desde o presente ao pasado, o documental histórico que dirixe Xosé M. Vega constata que en Galicia xa hai ducias de parellas homosexuais casadas, e algunhas delas adoptaron fillos conxuntamente, e que a reforma do Código Civil de abril de 2005 supuxo unha novidade histórica no modelo tradicional de familia que, sobre todo na Galicia rural, sempre estivo ligado ao concepto de casa, entendida como unha unidade produtiva e reprodutiva. A familia galega foi unha institución rexida secularmente polo Dereito Romano, que se foi adaptando ás circunstancias históricas que viviu o país, e esa realidade evolutiva xerou primeiro costumes e despois un Dereito Civil propio, que segue a rexer as relacións entre as persoas e os vínculos de propiedade. Volvendo ao pasado, na Idade Media un foreiro non podía ser dono da casa e precisaba do permiso do señor para fundar unha familia, que tamén lle