Xogar é unha forma de aprender, de relacionarnos e de probar estratexias para interactuar co que nos rodea. Os xoguetes, os xogos e os videoxogos son parte da cultura e fan que moitos momentos das nosas vidas sexan máis divertidos. O programa da TVG visita Corvus Belli, unha empresa de Bueu cunha facturación próxima aos 3 millóns, que se converteu nun referente mundial na creación dos xogos con miniaturas coa saga Infinity.  Os españois dedicamos unha media de 6,2 horas á semana para xogar en computadores, consolas, móbiles ou táboas. O sector do videoxogo converteuse no líder do lecer audiovisual no mundo, cunha facturación que o ano pasado superou os 1.200 millóns. Gato Salvaje é un estudio de produción galego que traballa desde hai 8 anos nesta industria e que puxo a xogar persoas de 140 países.