A mobilidade nas contornas urbanas está a cambiar. A procura de medios de transporte menos contaminantes abre o camiño aos motores eléctricos. Á marxe da carreira que xa iniciaron as grandes marcas de automóbiles, están a xurdir vehículos que reinventan a forma de desprazarnos. O programa ofrece dous exemplos de mobilidade eléctrica galega: a bicicleta intelixente de Lavelle Bike, deseñada por enxeñeiros da Universidade de Vigo empregando fibra de carbono, ten un motor eléctrico, con cambio automático, alcanza o 60Km/h e ten unha autonomía de 100 Km. Pola súa parte, Movelco é unha cadea especializada na comercialización de automóbiles e outros vehículos eléctricos que achegan solucións máis ecolóxicas de mobilidade. Os seus Little Electric Cars son vehículos todoterreo, que estenden as súas posibilidades de uso ao trasporte no interior das naves industriais ou as praias.