Galicia está entre as 10 rexións que máis leite producen de toda Europa. A través da innovación e da tecnoloxía, a industria está a apostar por innovadores produtos cun alto valor engadido que fan medrar o sector lácteo galego. O programa “Galicia On” visitará este domingo dúas delas. A lucense Quescrem é a primeira empresa galega especializada na elaboración de queixo crema. A súa vertente tecnolóxica, cunha forte aposta pola I+D+I desde o comezo, fai que hoxe estean presentes nos cinco continentes e lancen constantemente novas referencias ao mercado. Da tecnoloxía aplicada ao queixo, o programa irá aos métodos de elaboración tradicional, en que son expertos na Queixería Prestes. Ademais do seu saber facer clásico co queixo San Simón da Costa como buque insignia, quixeron ir un paso máis alá no desenvolvemento de novos produtos sacando ao mercado o primeiro queixo azul galego e un queixo fresco de cabra Saanen.