A TVG retransmite os tradicionais Fogos do Apóstolo do 24 de xullo neste programa en directo, presentado por Cristina García e Fernando R. Madriñán, desde a Praza do Obradoiro en Compostela. O especial recolle o ambiente na praza e fai conexións con distintos puntos da cidade, como o Hostal dos Reis Católicos, onde se celebra a tradicional cea dos fogos. Ademais, ofrece entrevistas con famosos galegos e representantes da Asociación de Hostalería de Santiago, que dan datos sobre a afluencia de visitantes ás festas. Tamén inclúe reportaxes sobre a historia da celebración, as persoas que peregrinan a Santiago, o traballo dos guías turísticos, a marcha das obras da catedral e sobre outros lugares especiais de Compostela. Todo isto serve de aperitivo para o momento cumio da noite, a retransmisión dos fogos, que este ano combinaron carga pirotécnica e un espectáculo audiovisual que fixo un percorrido histórico da festa nos séculos XVI, XVII e XVIII.