Esta semana Daniel e Clara están no Barco de Valdeorras, onde ​teñen a misión de transformar o escaparate de O'Prenda, unha tenda de roupa que se define a si mesma como especializada na moda curvy para mulleres con talles grandes. A súa valente propietaria decidiu hai xa 10 anos montar esta tenda, que leva por nome o alcume do seu pai, e que inicialmente estivo pensada como un outlet multimarca, pero a competencia feroz de Internet fixo que se reorientase cara a un público máis concreto. Clara Copena vai camiño da histórica Casa das Medias, unha tenda especializada en lencería feminina, que abriu as súas portas no 1928. Orixinalmente vendían de todo, desde as medias que lle dan o seu nome, a calzado, teas, maletas ou ata rosquillas e azucre. Na actualidade centráronse na roupa interior feminina, traxes de baño, pixamas e suxeitadores de talles grandes, ademais de produtos de uso cotián como paraugas ou outros efectos.