"Criaturas" visita hoxe Baralla para coñecer a historia de Toñín, un electricista retirado que ten unha gran paixón polas cegoñas, unha afección que o levou a facer niños destas aves instalados preto da súa casa para que as cegoñas volvan todos os anos. Noutro percorrido, o equipo do programa, con Alejandro Macías á fronte, achégase á canceira de Ourense, onde Andarina, unha cadela con parálise, móvese nunha cadeira curiosa. A historia faise máis sentimental por canto a cadela acaba de ser adoptada na Alemaña e asistimos á súa despedida. Noutras visitas, o equipo do programa desprázase a Lugo para coñecer a Manuelita, unha tartaruga que medra tanto que a súa dona xa non pode tela na casa, así que poderemos comprobar como se produce o traslado de vivenda.Na sección dos famosos coas súas mascotas, hoxe asómanse Bernardo Xosé e Fito, membros históricos do grupo "A Roda", para contarnos a curiosa historia dos seus cans.