“Contraportada” dedícalle unha reportaxe ao lobo en Galicia, onde nunca chegou a desaparecer e sempre houbo unha coexistencia, aínda que difícil, co home. O programa entrevista a Luis Llaneza, un dos maiores expertos que hai sobre o lobo ibérico, que leva décadas traballando na elaboración de censos deste animal para a administración. Os seus traballos constatan que a presenza do lobo é xeneralizada e en aumento en todo o territorio galego, pasando das 68 mandas reprodutoras que había a principios de 2000 ás 90 mandas contabilizadas na actualidade. O lobo esperta a admiración dos seus defensores, pero tamén o odio dos gandeiros cando lles ataca os seus animais. É un animal cunha gran carga simbólica en Galicia, como queda de manifesto na cantidade de topónimos espallados pola nosa xeografía, dende Lobeira en Ourense, Matalobos na Estrada ou Fonte do Lobo en Becerreá.