O programa “Contraportada” dos servizos informativos da TVG emitiu este sábado a primeira entrevista que Mariano Rajoy concede á canle pública galega desde que no 2011 se converteu en presidente do Goberno.
A entrevista, de sete minutos de duración, foi realizada no Palacio da Moncloa de Madrid polo xornalista do medio público galego Luís E. Ramos, co gallo da celebración dos 35 anos do Parlamento de Galicia. Mariano Rajoy saíra elixido deputado nas primeiras eleccións autonómicas galegas do 1981. Logo, no 1982 foi designado director xeral de Relacións Institucionais da Xunta e, en novembro do 1986, vicepresidente do Goberno de Galicia.
Televisión de Galicia adica “Contraportada” a esta efeméride con outra reportaxe con entrevistas a deputados galegos que tamén desempeñaron cargos públicos nas distintas lexislaturas, como Xosé Luís Barreiro Rivas, José Manuel Romay Beccaría, Juan Corral, Mª Jesús Sanz, Alfredo Conde, Tomás Pérez Vidal ou Francisco Vázquez.