Neste sétimo programa o equipo de cociñeiros de Come a Comarca visita a comarca do Salnés para coñecer os segredos da súa gastronomía e aprender a facer o menú máis tradicional da comarca, composto por: salpicón de centolo, caldeirada de peixe e marisco e filloas. Javi Olleros, do restaurante Culler de Pau (O Grove), será o encargado de guiar aos concursantes pola gastronomía do Salnés. Estes irán á lonxa do Grove para recibir algún dos barcos que chegan de pescar centolo e botar unha man na descarga. Recibirán un centolo a modo de agradecemento e despois irán á Lareira do Larexo, onde os recibirá Loli, unha auténtica experta no cociñado do centolo. Ata a Illa de Arousa irán na procura de Carmen, do restaurante A Meca, para que lles ensine a facer unha caldeirada de peixe ben sabedeira. E por último, aprenderán a facer filloas con Victoria e María, gañadoras do concurso de filloas 2019 do concello de Cambados, na categoría contrarreloxo.