Os oitavos de final da meirande competición gastronómica de Galicia rematan esta noite. Na Galega enfrontaranse dous titáns culinarios da provincia ourensá: O Carballiño e A Limia. O Carballiño é ben coñecido por un pan con moita (e boa) miga, o de Cea. A procura dos cinco concursantes comarcais levará ao presentador do espazo, Fran Cañotas, até A Boa Migalla, que no polígono industrial de San Cristovo de Cea mantén viva a tradición dun produto que chegou os nosos días dende o século XIII, ligado aos monxes do mosteiro de Oseira. E que mellor que mollar pan que no Carballiño, lugar icónico de cocción do polbo.  No caso da Limia, o recrutamento dos mellores profesionais dos fogóns levará aos espectadores ao corazón da Serra do Xurés. Alí, verase como facer mel neste parque natural compartido coa veciña Portugal, onde por certo, hai moita tradición termal nas beiras do río Caldo. En localidades coma Lobios, a paisaxe está marcada polo encoro de Lindoso, e moi preto coñeceremos a elabor