No presente episodio de "Casa Manola", Fanny recibe a visita de Alicia, interpretada por Silbana C. Sestelo, unha misteriosa rapaza que polo visto era moi amiga súa no instituto, pero á que non lembra de nada. Ao tempo que Fanny trata de facer memoria sen que Alicia se decate do seu esquecemento, a rapaza pon en marcha un sinistro plan de vinganza. Outro que quere arranxar contas co seu pasado é Nacho, pois, grazas á terapia que está levando a cabo, descubriu que a súa nai lle causou un trauma ao rifarlle por mexar na cama cando era neno. Pola súa parte, Cabanés adáptase aos novos tempos e decide poñer en marcha un negocio con moito futuro: o alugueiro de caixeiros automáticos. O gastrobar de Vero será o lugar elixido para poñer en marcha esta estafa.