Javi Cantero, fillo do Fary e quen se convertera en todo un fenómeno musical co seu tema “Y cuanto más acelero”, subirá este sábado ao escenario do programa da Televisión de Galicia “Bamboleo”. Nesta ocasión interpretará no musical os temas “Apatrullando la ciudad” e “El toro guapo”, cancións do seu recente disco “Recordando al Fary” e dous clásicos do repertorio do seu pai. O programa da canle pública tamén recibirá a orquestra Miramar e dous artistas galegos: Biribirlocke e Mayor Tom. Os primeiros son unha formación rock de Ames, con influencias de estilos coma o ska e que inclúen instrumentos de vento nos seus temas.  Pola súa parte, Mayor Tom é o nome artístico do músico e cantautor Diego Castaño, denominación que tomou do popular tema de David Bowie. Tras pasar por diferentes bandas, comezou en 2015 a súa andadura en solitario como Mayor Tom.