“Aquí hai praia” visita en Sanxenxo, A Pobra do Caramiñal e A Guarda os areais de Baltar, Cabío e Os Muíños. A praia de Baltar, en Sanxenxo, ventosa, de area branca e fina e augas tranquilas, resulta idónea para o baño e os deportes náuticos. Está separada de Silgar pola Punta do Vicaño e, do molle do Chasco, polo peirao deportivo de Portonovo. Conta cun parque de campismo próximo e é un dos areais máis visitados polos turistas que se achegan ás Rías Baixas para pasar as súas vacacións estivais. Na Pobra do Caramiñal, Cabío e a praia máis coñecida e concorrida do concello. En forma de enseada, protexida e con base de area de cor branca, ten unha zona arborizada de piñeiral, que permite gozar todo o día da praia, posto que o bañista pode refuxiarse do sol nas horas en que máis aperta. Nas proximidades hai un cámping e aloxamentos de turismo rural, o que fai que sexa moi visitada tamén por turistas que pasan as súas vacacións na ría de Arousa. A Guarda é o último porto atlántico galeg