O programa estival da Televisión de Galicia “Aquí hai praia” achegarase a todas as provincias costeiras e visitará a Praia do Areal do Vao, en Vigo; a Praia de Doniños, en Ferrol, e a Praia da Lóngara en Barreiros. Na parroquia de Coruxo, no concello de Vigo, sitúase a praia do Areal do Vao, unha das de máis sona da cidade, despois de Samil, e que conta cun paseo que atrae a numerosos turistas todos os anos. A praia de Doniños é a máis coñecida de Ferrol. Atópase na parroquia do mesmo nome e ten bandeira azul, xa que dispón de todos os equipamentos, está ben comunicada e ten bos aparcadoiros. Finalmente, o espazo da canle pública visitará a praia da Lóngara en Barreiros, na provincia de Lugo. Esta praia de area branca, forte ondada e forma rectilínea atópase á beira da punta Corbera, nunha contorna sen urbanizar que conta coa típica fauna do litoral.