Susi, unha viguesa de 32 anos que chega con ganas de atopar un home con maiúsculas. Atopar alguén compatible co seu estilo de vida será todo un reto para Itzíar Villar, a psicóloga do programa. O candidato elixido para ela é un mozo tamén vigués de 26 anos, Javier, un rapaz demasiado afeito aos coidados da súa avoa. Ambos os dous darán a coñecer o día a día de dúas persoas moi preocupadas polo seu aspecto físico. Coa forte Susi descubriremos como manter un corpo de culturista e, da man de Javier, informarémonos sobre as bondades de ter unha moto. Despois das pecaminosas tentacións ás que os fará sucumbir o presentador, Camilo Lesta, Susi e Javier estarán preparados para unha cea en que todo serán directas. Será suficiente compartir a paixón polo fitness e o culturismo para que xurda o amor entre os protagonistas?