A localidade pontevedresa de Portonovo será hoxe un dos puntos de atención en directo do programa “A Revista Fin de Semana”, xa que estes días será o centro da bebida e da comida alemá cunha versión moi especial da Oktoberfest, a famosa festa da cervexa. A vila mariñeira foi unha das últimas en sumarse á moda dun festexo nado en Alemaña como homenaxe a esta singular bebida, que, co paso dos anos, foi traspasando fronteiras. Durante esta fin de semana, as instalacións portuarias acollen todo tipo de actividades gastronómicas, culturais e musicais.  O espazo da Televisión de Galicia, presentado a partir de agora por Lorena Posse, recibirá no estudio de gravación a visita de dous dos ilusionistas máis prestixiosos de Galicia na actualidade: o Mago Xacobe e o Mago Pedro, dous artistas novos, descarados e sorprendentes que escenificarán en directo varios números.