O regreso de Santos a Viladesantos non lle está axudando a abandonar a vida criminal. Por un lado fíxolle unha promesa a Uxía que o obriga a levar unha vida honrada, aínda que todo o mundo está agardando a que a incumpra; e polo outro, Peixe, Abel e Emilia xa lle propuxeron participar nun negocio: roubar no Pazo de Meirás. Este golpe está máis que xustificado en que é a mellor forma de axudar a Peixe a pagar o préstamo que ten co Matachín polo restaurante, pero hai algo que non acaba de convencer a Santos... Mentres tanto, Elba propón a Laura contratar a Santos para que lle bote unha man na casa rural. Elba cre nas segundas oportunidades pero Laura amósase máis reservada coa idea. Ao que tampouco lle gusta nada a idea de ter a Santos na casa rural é a Denís, que aproveita calquera ocasión para facerlle a vida imposible a Elba.