Neste programa, o elixido é Antonio Novas, ex capitán da Marina Mercante que logo de moitos anos embarcado en longas singraduras polos mares do mundo enteiro, decidiu buscar un traballo que lle permitise estar coa súa familia. Así, preparou unha oposición e entrou a formar parte do persoal dos Gardacostas de Galicia. Xubilouse como xefe do servizo, deixando atrás centos de intervencións de salvamento e de loita contra a contaminación que lle fixeron acumular moitos méritos e moito cariño por parte dos seus compañeiros.
Para argallar esta merecida homenaxe, serán moitos os que boten unha man. Xoanqui e mais Lola poñerán os lumes e as potas a funcionar dende primeira hora para cociñar un prato de festa e dos favoritos do homenaxeado: un arroz con lumbrigante. Pola súa banda, a reposteira e hosteleira Merchi Rodal fará a súa achega ao menú cunhas torradas feitas con conservas, tan importantes na economía e na historia do Morrazo.