Kiko Novoa, Cristina García e Paco Lodeiro pilotan de luns a venres na Radio Galega 'A bóla extra', o tempo para o humor do magazine 'Galicia por diante', que cada día xira arredor dun tema cotián, unha historia curiosa ou algunha anécdota divertida e que fomenta a participación do público. Ata agora, cada día conectaban en directo co programa 'A revista' para contarlles á presentadora, Loli Gómez, e aos espectadores da TVG as súas historias de cada día.
Pero, non contentos con isto, a partir deste luns irán tomar un café á tele para compartir directamente coa audiencia media hora da súa proposta radiofónica. As tres figuras da Radio Galega, sobradamente coñecidas polos seus oíntes, amosan a súa ilusión polo reto que supón levar 'A bóla extra' á TVG. Como explica a xornalista Cristina García, "é moi bonito porque pode abrirnos a máis xente para que coñeza o programa e, por suposto, participe".