Xa estamos na segunda década do século vinteún, e as nosas festas seguen coa súa evolución, destacando a aparición das grandes “performance” nos palcos e coa invasión despiadada do “reggaeton” no apartado estrictamente musical. Asistimos tamén neste tempo a todo un terremoto con sabor latino: a chegada de “El Combo Dominicano”, directo desde as Canarias seguindo o camiño marcado por “Armonía Show”. E en paralelo ó éxito das grandes formacións, tamén xurdirá nestes anos un estilo alternativo, representado xa en épocas anteriores por “América” e consolidado agora por grupos do corte de “Assia” ou “Claxxon” entre outros. E por suposto, as pequenas orquestras que facían música de baile, manteñen o seu importante lugar. Pero ó remate desta década chega a pandemia que cambiou o mundo, e na verbena non vai ser diferente a cousa. Veremos como afecta todo isto ó sector das orquestras, e tamén lembraremos a todos aqueles que xa non están, pero deixaron a súa pegada.