Partiremos dese ano 1949 no que o gran Manuel Rivas ubica o seu relato “Un saxo na néboa”. Nos duros tempos da postguerra civil. Nesta historia, o escritor coruñés detalla as dificultades que naquela época tiñan as “orquestinas” (que así era como as chamaban), para poder chegar ós campos das festas e cumprir coa súa misión.
Como en case tódolos eidos, os inicios non foron doados. Pero o tempo avanza implacable, e nós iremos da súa man. Na nosa viaxe iremos desvelando a suma importancia que tiña o acordeón nestes principios e descubriremos o gran cambio que supuxo a chegada da tecnoloxía ás primeiras formacións musicais. O menú que temos preparado para hoxe, tamén nos levará ó momento no que os cantantes comezaron a ter protagonismo, incorporando con eles os grandes éxitos da radio. Grazas a iso xurdirán formacións de culto como Os Tamara do gran Pucho Boedo. Os ritmos chegados de América, os valses mexicanos, a canción do verán…