O programa “Xente con Oficio” navegará hoxe ata Marín, onde aprenderá a facer velas cos profesores da Aixola, e desde alí porá rumbo norte cara a Vilagarcía para falar cun profesional da velería artesanal.  Cun xiro de temón, o espazo da TVG achegarase a Cuntis para coñecer a fábrica de North Sails, un referente en innovación e deseño de velas de alta competición. O programa rematará a travesía en Vigo, no porto de Bouzas, onde está a colección de embarcacións máis significativas do patrimonio marítimo galego.