As novas tecnoloxías foron relegando ao esquecemento oficios que, noutro tempo, foron esenciais. Agora os pais seguen transmitindo este coñecemento con ilusión a mozos e mozas que, cunha perspectiva laboral incerta, ven nos oficios dos seus antepasados unha profesión de futuro. Como é o caso do oficio desta entrega, o de canteiro.O oficio de canteiro é un dos máis simbólicos de Galicia, a nosa arquitectura popular está repleta de formas construídas en pedra: igrexas, catedrais, hórreos, cruceiros... na actualidade, os artesáns galegos da pedra dedican unha parte moi importante do seu traballo á restauración destes elementos tan significativos da nosa cultura.