“O que non queira caldo, que tome sete cuncas”, reza o dito popular, pero, nestes días de frío, quen lle di que non a un bo prato de culler? O programa “Vivir Aquí” cóntanos como se preparan o caldo, os callos ou a fabada. Algúns contan con exaltación propia e todos, cando se preparan, converten a cociña nunha auténtica festa. O programa fala do caldo que preparan en Lalín, os callos de Meis e a fabada de Lourenzá. Os reporteiros e as reporteiras tamén comproban como se prepara unha sopa de peixe tradicional e outra máis vangardista e, para rematar, toman nota dunha receita doce: a sopa de burro canso que preparan en Muíños.