A primeira fin de semana de xuño vaise celebrar na Cidade da Cultura de Compostela un serán multitudinario para festexar a vindeira declaración da muiñeira como Ben de Interese Cultural. Con este motivo, “Vivir Aquí” dedícalle o programa a un dos bailes máis representativos do folclore galego. Unha muiñeira púxolle banda sonora a todo un éxito nas redes sociais, popularizado por un grupo de rapaces de Vigo, e a televisión é desde hai décadas, grazas ao programa “Luar”, un espazo máis onde dar a coñecer unha das principais expresións artísticas que nos identifica como pobo. Os reporteiros do programa visitan algúns lugares onde este baile está máis vivo ca nunca, desde unha agrupación centenaria, das máis antigas de Galicia, Cántigas da Terra, ata un colexio de Lugo onde gozan da música e o baile durante o horario lectivo.