A lamprea é un prato da gastronomía galega amado e odiado a partes iguais. Este peixe de río ten un sabor especial que provoca peregrinacións anuais para a súa degustación. No programa cóntase con detalle como é a súa pesca, moi tradicional e cargada de historias. Vemos as técnicas empregadas para a súa captura no río Ulla, así como no Miño e no Tea. Non se podería facer un programa sobre a lamprea sen acudir a Arbo, a capital mundial deste peixe. O programa amosa a importancia da lamprea nesta vila, onde se converte nun reclamo, alén do gastronómico. Por último, coñecemos diferentes receitas para cociñala, entre as que destacan aquelas nas que se cociña no seu propio sangue.