Nieves Rodríguez participará nunha festa onde recrean un espectacular combate entre mouros e cristiáns no campo do castelo. Ademais, nesta celebración tampouco falta a devoción pola Virxe da Mercé e a mellor música de grupos tradicionais e charangas.  Pola súa parte, Ariadna Leis viaxará ata Boborás para vivir en primeira persoa a multitudinaria romaría da Saleta, na parroquia de Astureses. E Belén Vara achegarase ata Corme, no concello de Ponteceso, onde ten lugar unha curiosa Festa dos Remedios que inclúe unha anticipada celebración de Fin de Ano.  As cámaras do programa tamén estarán presentes na romaría do Patio de Santa Cruz de Ribadulla, en Vedra, na Exaltación da Zorza da Guarda, na Festa das Dores de Lalín e na romaría da Fervenza de Escuadro, en Silleda.  A Santiña de Senra, en Ortigueira, e as Festas do Cristo da Agonía do concello do Porriño completan o menú trouleiro do programa deste luns pola noite.