“Sopa de Festa” desprázase ao corazón de Galicia e ten como protagonista un dos productos galegos con máis sona: o queixo de Denominación de Orixe Arzúa - Ulloa. O equipo do programa convida os espectadores a achegarse ata a comarca produtora por excelencia deste queixo. Alí, un queixeiro da zona abrirá as portas da súa empresa para que vexan como se elaboran e curan os famosos e saborosos queixos de Arzúa - Ulloa. Doutro lado, o espazo da TVG tamén estará cun gandeiro para ver como viven, se crían e se alimentan as vacas que proporcionan o leite para a súa elaboración.  Ademais, o queixo Arzúa - Ulloa tamén será protagonista nos fogóns. Da man do cociñeiro do restaurante Nené de Arzúa, os espectadores galegos poderán tomar nota de dúas receitas en que o queixo é o ingrediente principal.  Finalmente, esta entrega do programa tamén deixará un espazo para que os consumidores deste queixo poidan dar a súa opinión sobre el.