“Sopa de Festa” apúntase á Festa do Berberecho de Foz, ou do “chícaro”, que é como se coñece este saboroso molusco na Mariña lucense. Unha cita gastronómica que vai pola vixésimo cuarta edición. Antes de mergullarse no ambiente festivo, ao que se sumaron os bares e restaurante da vila, as cámaras entran na Escola de Hostalería do I.E.S. de Foz para seguir os preparativos dos pratos que se van servir na degustación. Os alumnos do centro son os encargados de preparar os centos de racións que despois se despachan na carpa instalada no peirao, nas súas distintas modalidades: berberechos en empanada, ao estilo provenzal, con fabas de Lourenzá ou ao vapor.