A comarca de Lourenzá está en plena recollida do seu legume máis famoso: a faba. Os produtores e os habitantes da vila celébrano coa XXVI Festa da Faba, un evento declarado de Interese Turístico de Galicia. O equipo de reporteiros do programa gastronómico e festeiro da Televisión de Galicia mergúllase de cheo no ambiente para amosarlles aos espectadores o ben que se come e se goza coa festa en Galicia.  Desde primeiras horas, as cámaras de “Sopa de Festa” están en Lourenzá para comprobar que todo está listo para a desgustación. Ademais, o equipo do programa fala cos cociñeiros responsables de preparar os moitos quilos de fabas que se degustan na festa. Tamén descubrimos as belezas turísticas da zona e coñecemos como se cultiva este legume tan prezado na hostalaría.