Confraría con espírito artístico a do Grove, á que están asociados 600 homes e mulleres, das cales 400 son mariscadoras a flote, o resto traballan as artes menores e o cerco, e conta cun importante polígono bateeiro. Atopamos a Felix Piñeiro na súa caseta despois de vir do mar. Milo Galiñanes celebra trinta anos traballando na lonxa. Isaura Ferro, mariscadora, vai cociñarnos ameixas en escabeche. A música e o baile o poñen Asociación Cultural Cantodorxo. Pepe Garrido é a quinta xeración de carpinteiros de ribeira. Da arte das colareiras falamos con Montse Betanzos e Meis Cacabelos. E na zona marisqueira atopamos a Lisis García, María José Castro e Teté Otero.