O porto de Ribeira destaca como o máis importante de Europa en capturas de peixe fresco. Aquí trabállanse artes de todo tipo, pero “Pescadores de Historias” céntrase no palangre, unha arte que se considera selectiva, en canto a especies e tamaños, e que require unha importante especialización na tripulación dos barcos. Os mariñeiros de Ribeira saben que coidar o mar é imprescindible para garantir o futuro. X. H. Rivadulla fala cun patrón de barco, Juan Vilar, da súa paixón polo mar mentres navegan pola ría de Arousa e; cun patrón de altura, Juan Francisco Pérez, que hoxe é armador con cinco barcos palangreiros que traballan nas augas das Illas dos Azores e no sur de África; e cun peixeiro, Agustín Cadillo, con quen conversa das diferenzas que existen entre o peixe que se pesca co palangre e o pescado con artes de enmallado. O primeiro chega a terra en mellores condicións e o seu prezo en lonxa pode chegar a duplicarse con respecto aos prezos das outras artes.