A viaxe de 'Onde collen dous' comeza no interior da provincia de Lugo, concretamente en Castroverde. Alí coñecerá os Freire Cando, unha familia namorada do rural galego. Manolo e María decidiron criar as súas dúas fillas lonxe do bulebule da cidade, rodeadas de natureza e liberdade. Na Coruña, o programa visitará os Terrón Hermida, unha familia que vai demostrar que todas as persoas teñen, dalgún xeito, limitacións. Sonia e Diego fan auténticos malabares para atender a Iago e a Sabela, unha pequena que, a pesar da súa diversidade funcional, é unha líder nata entre os nenos.  Tamén na Coruña, un equipo do programa acompañará os Lema Chans, que poñen rumbo ao seu piso de Laxe para pasar uns días de vacacións. Nesta familia teñen unha especial vinculación co mundo do deporte: fútbol, karts, Fórmula 1…  E, por último, en Ourense, os espectadores coñecerán os Plaza Cegarra, unha familia que deixou Venezuela para converter a cidade das Burgas no seu fogar.