López naceu no ano 1959 en Vilamartín, unha aldea da provincia de Ourense. De neno levaba unha vida de campo, axudando aos seus avós nos labores coas viñas. Por aqueles anos, todos os rapaces que querían estudar tiñan que pasar case por obriga polo seminario, uns anos nos que Rafael tiña claro que quería ser enxeñeiro químico. Porén, ao rematar o COU en Madrid, dá un xiro e decántase pola medicina, motivado por unhas enormes ganas de investigar e humanizar o trato cos pacientes. Holanda, Asturias e Pamplona foron os lugares onde o doutor López desenvolveu a súa especialidade para, anos máis tarde, volver á súa terra natal e poñerse á fronte do Servizo de Oncoloxía do Clínico.