Manuel Manquiña viaxa ata A Coruña para charlar por extenso cun dos políticos de máis traxectoria do noso país, José Manuel Romay Beccaría. Betanceiro de nacemento e coruñés de adopción, naceu no seo dunha familia entregada á política e con vocación de servizo. Con 22 anos licénciase en Dereito, con premio extraordinario fin de carreira. A partir de aí comeza unha carreira profesional: letrado do Consello de Estado, secretario xeral de Sanidade con Franco, subsecretario da Presidencia, subsecretario de Gobernación, deputado provincial da Coruña, presidente da Deputación, ministro de Sanidade e presidente do Consello de Estado, entre outros cargos. O programa afonda na vida do protagonista máis alá da esfera pública e comparte con el outras cousas que adoita facer cando vén á cidade herculina: paseo polos Cantóns e parada obrigada a tomar un café. Lector voraz, aproveita tamén o tempo de lecer para gozar dos fillos e dos netos coa súa dona desde hai case 60 anos.