“O Gato con Botas” pasa o día cun galego de adopción: Amancio Prada. Nado en Dehesas, unha vila do Bierzo leonés, descubriu a súa vocación musical entre os labores de campo que adoitaba facer cos seus pais. O seu talento axiña agromou e abriulle as portas ao mundo.  Desde o seu debut con George Brassens en París en 1972, a voz e a guitarra de Amancio Prada percorreron escenarios de todo o planeta. Hoxe, con máis de tres ducias de discos e unha chea de premios ás costas, dicir Amancio Prada é dicir poesía, espiritualidade e canción. Unha música intimamente ligada ó lirismo, a  fermosura e á liberdade.