En moitos naufraxios a herdanza dos fillos e fillas do mar era a orfandade. En Galicia creáronse dous colexios para atender os orfos e orfas dos mariñeiros.Para as nenas existía o colexio de Mosteirón, no concello de Sada, e os nenos ían ao colexio de Panxón, no concello de Nigrán. Na maioría dos casos era imposible para as nais viúvas, por non ter ingresos, manter os fillos, co que non tiñan máis remedio que envialos a internados que auspiciaba o Estado, coa ríxida educación dos anos 40.O equipo de “Náufragos”, dirixido por X.H. Rivadulla Corcón, entrevistará catro ex-alumnas do colexio de Mosteirón e catro ex-alumnos do colexio de Panxón. Testemuños arrepiantes, de traxedia e separación familiar, mesturaranse con historias amenas e divertidas cando a amizade entre os internos era o único xeito para sobrevir afectivamente.