O Bonifaz, petroleiro con base en Santander, saía do porto da Coruña o 3 de xullo de 1964 con destino á refinería de Cartaxena. Ao pasar fronte ao cabo Fisterra, foi abordado polo tamén petroleiro Fabiola, con bandeira francesa. Por causa da colisión, o Bonifaz incendiouse e producíronse as mortes de 25 dos 50 tripulantes, entre eles as de tres mulleres que ían no buque acompañando os seus maridos. Só cinco dos corpos puideron ser recuperados. Pola súa parte, o Harvest del Mar era un pesqueiro que traballaba para a empresa Pescanova na costa de Suráfrica, con 14 tripulantes. O 7 de agosto de 1973 foi abordado polo petroleiro español Móstoles, que seguiu o rumbo, supostamente sen decatarse da colisión. O Harvest del Mar foi a pique sen que ninguén da súa tripulación lograse salvar a vida e só apareceu o corpo dun dos mariñeiros.