“Luar” recibe a visita de Antonio José, que presenta o seu terceiro disco, “A un milímetro de ti”, onde pretende demostrar a súa madurez artística. Tamén actúan a cantante e actriz francesa Marlene Mourreau e o cuarteto vocal masculino Golden Apple Quartet, que ofrece actuacións cheas de humor. Ademais, o multinstrumentista Abraham Cupeiro, que recupera instrumentos perdidos no tempo e os utiliza para crear novas sonoridades, sobe ao escenario xunto ao grupo Odaiko, que mestura percusións e sons clásicos. A Banda de Música de Celanova, as agrupacións tradicionais Faltriqueira de Muros e O Fiadeiro, a orquestra Bahía, que actúa xunto a José Costas e o histórico Real Coro Toxos e Froles, fundado en Ferrol en 1914, completan o cartel musical. No tempo do concurso “Recantos”, é a quenda de Ialma, representante da comarca do Miño, que interpreta o tema “Dama dama”, e de José Barrán, de Galicia centro, que canta “Vou perder a cabeza por amor”.