As parellas formadas por Carmiña e Pepe e polo cura e a beata Elvira intentarán responder a pregunta: "que ten Santalla de especial?". O obxectivo é gañar un concurso en que mesmo o vello Cosme, que afirma que a vila non ten nada de particular, se verá envolto e poderá saír magoado. Especial é tamén a relación de María con Óscar. Incluso Sara comezará a percibir que o distanciamento da súa filla co home pode obedecer a algo que ela descoñece. Aínda que, para descoñecida, está Laura. A muller, resentida polo abandono de Telmo, resulta tan ferinte que María e máis Sara non a aturan máis e tomarán unha decisión drástica. Se se trata de decisións, unha moi importante é a que terá que afrontar Manuel, xa que continuar co negocio da granxa e afrontar as débedas pode supor quedar sen o soldo que leva a comida á mesa dos Cabanas.