Os “Larpeiros” conversan sobre a bechamel, unha cousa que parece moi sinxela, pero que ten o seu truco. Simple e atraente, é por riba de todo versátil e con ela pódense facer canelóns, lasaña, gratinados e, por suposto, croquetas. Agora os cociñeiros son moi imaxinativos con elas e fanas de case calquera cousa: de cocido, de mexillóns, de cogomelos... Pero non só para facer croquetas serve a bechamel, xa que tamén está moi boa para acompañar verduras como as espinacas, os grelos ou a coliflor e tamén para facer os recheos duns pementos, por exemplo. A Benigno Campos propón cociñar pementos recheos de pescada cun toque moi especial que lle van dar a bechamel e unhas espinacas frescas. A sobremesa corre a cargo de Leni e Gloria Mascuñana, a cociñeira convidada desta semana e consiste nuns rolos de canela. Unha vez elixido o menú, Adrián ponse en marcha e vai voando ata Castro de Rei, onde, coa axuda de Ligia e Xoán, aprende a facer unhas croquetas case tan boas coma as das avoas.