Hoxe, coa caloriña dos carozos, das achas de carballo ou piñeiro, cocen caldos cheos de sabor, fanse filloas que parecen sabas de liño e asamos gorentosas mazás. Para empezar, coñeceremos da man de Adri a Laura Vallejo, unha moza que fixo da madeira o seu modo de vida. E logo, en Vilatuxe, faremos unhas boas brasas, para poñer na grella unha das mellores carnes galegas. Leni xantará nunha mesa de primeira, xunto ao gandeiro Xosé Portas e o ex xogador de baloncesto, Fernando Romay. E gozarán dun dos maiores praces da nosa gastronomía: uns chuletóns de boi e vaca. E na Asociación, non faltarán filloas, carne asada e unha empanada de mazá. Natalia será a cociñeira convidada e encargada de facer unhas filloas con moita arte. Unha receita familiar que xa facía a súa avoa. E o gran Carlos Parra será o responsable dunha falda de tenreira con crocante de patacas e verduras. Completará o menú Dona Lola, cunha empanada de mazá con masa de roscón. Unha receita con máis de 100 anos de historia.