En 'Imos de Feira' viaxamos ata O Carballiño, no concello ourensán coñecido máis que de sobra polo seu saboroso polbo á feira! Na Praza Maior celébrase todos os días 16 e último de mes, a feira na vila. Se cadran a domingo, pásase aos sábados, pero o caso é celebrala! Achegámonos ata alí, porque a vila está a piques de encherse de feirantes e compradores dispostos a gozar ao máximo do día de feira... e do polbo! Rafa Durán e Javier Varela visitarán os postos ambulantes e os negocios da zona, para escoller catro lugares nos que deixar os sobres do programa. Despois, percorrerán O Carballiño para atopar aos aspirantes a concursantes que loiten por conseguir, neste día de feira, ata trescentos euros! Quen gañará? Cantos cartiños levará? E onde poderá gastalos? Se queres descubrilo, imos de feira!