A orquestra New York é unha formación nova, que sobe con forza nas listas das máis seguidas cun espectáculo que engancha a novos e maiores. O programa chega ata o máxico quilómetro 111 do Camiño de Santiago, na vila lucense de Sarria, para dar conta da traballada posta en escena e espectáculo desta agrupación, nacida no 2015, que, segundo os seus creadores, "evolucionará e irá adaptándose ao camiñar dos tempos".  A reporteira Patricia Santana cóase nos camerinos para botar unha ollada ás apostas en vestiario desta tempada e percorre o ambiente dunha festa onde os veciños do lugar e de vilas próximas se misturan con peregrinos chegados de todas partes. Cun escenario de máis 27 metros de longo, enormes pantallas LED e de vídeo, a New York ofrece un espectáculo para todos os públicos, intenso, alegre e desenfadado, con grandes músicos e voces masculinas e femininas, e uns bailaríns que non paran nin un segundo.