“Grandes Lugares” viaxa á provincia de Lugo para mostrarnos a parroquia de San Román, no concello do Vicedo, e a aldea da Condomiña, en Baralla. San Román está chea de artistas. Neste gran lugar da Mariña Occidental, o equipo do programa proba empanada e aprende do seu pasado viquingo da man de Juan, un artesán da madeira, a pedra e o lenzo. A paisaxe caracterízase polos cantís e polo vento, que converten este territorio nun lugar idóneo para a práctica do surf. Nesta parte do mundo naceu unha deportista de elite. A ximnasia rítmica ten en San Román un referente nacional. Na comarca dos Ancares, A Condomiña presume dunha espectacular paisaxe de soutos e fragas e, ademais, ten a súa propia pedra de abalar. É unha terra rica que compensa o traballo dos seus veciños con fartura. Aquí a auga aínda move muíños e todo o que se prepara sae da horta da casa, mesmo a cervexa. Coñecemos a Toñín, que conta cunha Condomiña en miniatura na súa casa.