“Gastrópodos, cociña en ruta” lévanos ata a Ría de Arousa, en concreto a Carril, paraíso da ameixa. Coñecemos os Parquistas, un colectivo que agrupa máis de 400 persoas que viven exclusivamente deste marisco, visitamos a Illa de Cortegada, que agocha moitos segredos, e entramos nun dos restaurantes de máis sona, o “Loliña”.  Para enfrontarse a Beatriz Sotelo, a cociñeira do programa, desta volta escolleuse unha persoa que hai dous anos decidiu abrir un pequeno negocio de comida tradicional na vila. Raquel, a “da Castelara”, é a cociñeira que se enfronta na cociña de “Gastrópodos” para preparar ameixa de Carril. O xurado do programa está integrado nesta ocasión polo presidente da Agrupación de Parquistas de Carril, José Luis Villanueva, e por Enrique González, un mariscador da vila.