Nos últimos anos son moitos os galegos que volven a vista cara aos seus lugares de orixe para asentar un negocio e darlle valor aos produtos que saen da nosa terra. O rural innova e “Galicia On” quere coñecer máis sobre este tipo de iniciativas. En Paderne está a empresa Orballo, coa única plantación de té ecolóxico da Europa continental. Un cultivo que se une ao de herbas aromáticas e medicinais coas que elaboran e comercializan infusións, arroces ecolóxicos e especias para cociñar. De Paderne a Caldas de Reis, onde "Ibérica de Esponjas Vegetales" elabora esponxas a partir da fibra dunha planta da familia das cabazas: a luffa cylindrica. Agora buscan achegar este vexetal a máis ámbitos, como é o da arquitectura, mobiliario e deseño de interiores, converténdoo nun material alternativo ecolóxico e reciclable.