Igual ca os humanos, os animais precisan dunha dieta axeitada, cuns valores nutricionais acordes coas súas especies, idade ou actividades que realizan. Desta volta, “Galicia On” sae á procura de empresas innovadoras que traballen en alimentación animal. Tui é o primeiro destino, onde agardan os creadores de Lenda, unha marca de alimentos naturais para cans e gatos. Non utilizan conservantes nin colorantes e potencian o emprego de herbas medicinais, ademais de usar as mellores materias primas e alimentos funcionais. En Taboada atópase a maior fábrica de penso para vacún de Galicia: Aira. Naceu no ano 2005 froito da colaboración entre 24 cooperativas que pasaron a ser unha soa en 2018. Cun total de 2.400 socios e unha produción de 160.000 toneladas de penso ao ano, é todo un referente do éxito do cooperativismo gandeiro.