Neste programa adentrarémonos na Costa da Morte partindo dende Carnota. A primeira parada será en Caldebarcos, onde nos achegaremos a unha casa retratada por Ruth que se conserva case idéntica. Faremos unha parada no porto de Quilmas de camiño a Corcubión, onde atoparemos outra casa fotografada por Ruth que non está tan recoñecible. En Fisterra coñeceremos a Mariola e Josecho Martínez, descendentes do lobo de mar inmortalizado por Ruth, e que nos contarán como cambiou o oficio de mariñeiro nestes cen anos. Continuaremos o noso itinerario rumbo a Muxía. Alí a fotógrafa americana coñeceu e retratou a un mozo que a guiou pola vila. Este mozo era Ramón Caamaño, que se converteu no fotógrafo da Costa da Morte. Falaremos con Chete Pose, o seu xenro e quen hoxe coida do seu arquivo e da súa memoria. Finalizaremos o día en Camariñas con Vanesa Vieites e Elena Vidal, posibles descendentes dunha palilleira que conquistou a cámara de Ruth.